26 may. 2008

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE COOPERACIÓN "APRENDENDO DA EXPERIENCIA PROPIA DOS PROGRAMAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL EN GALICIA 2000-2006"



O pasado mércores 21 de maio de 2008, tivo lugar a xornada final, onde se presentou o proxecto de cooperación "Aprendendo da experiencia propia dos programas de desenvolvemento rural en Galicia 2000-2006", que pechou o ciclo de "Os impactos dos Grupos de Acción Local no desenvolvemento rural 2000-2006", e onde se dou a coñecer o "Libro de Boas Prácticas" que recolle as mellores actuacións desenvoltas polos Grupos de Acción Local neste período, así como a presentación oficial da nova Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural.


Esta xornada hai que encadrala dentro do proxecto de cooperación interterritorial que están levando a cabo a Asociación de Desenvolvemento Rural de Pontevedra, a Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes, a Asociación Desenvolvemento Rural Río Lor, a Asociación Terra das Mariñas e a Fundación Comarcal A Ulloa.


A presentación da xornada correo a cargo do Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal e ao longo da mesma interviron tanto os participantes no proxecto como un grupo de expertos en desenvolvemento rural que avaliaron os impactos dos programas de desenvolvemento rural no período 2000 – 2006. Entre eles, estiveron o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible no Medio Rural do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, o Director Xeral de AGADER na Consellería de Medio Rural e xerentes de Redes de Grupos de desenvolvemento rural de ámbito estatal.Ao peche da xornada presentouse a Asociación Galega de Grupos de Desenvolvemento Rural que se constituíu ao amparo deste proxecto cos grupos participantes no mesmo.

No hay comentarios: