19 oct 2007

TERRA DAS MARIÑAS PROMOTORA DUNHA REDE DE SENDEIROS DENOMINADA “ROTEIRO MARIÑÁN”


A Asociación “Terra das Mariñas”, dentro do Plan para o Desenvolvemento Turístico da Comarca, está levando a cabo diferentes proxectos de acondicionamento e posta en marcha de varios roteiros de sendeirismo, denominado “Roteiro Mariñán”, que van aumentar a oferta de actividades recreativo-deportivas no medio rural, ao mesmo tempo que poñen en valor diferentes recursos naturais e patrimoniais do territorio.

Este conxunto de rutas coñecidas como “Roteiro Mariñán”, que conectan espazos de interese na comarca (patrimonio histórico-artístico, zonas naturais....), están homologadas pola Federación Galega de Montañismo, estando enmarcadas dentro do PR-G (pequeno recorrido galego – menos de 50 km.), e ata a data de hoxe están rematados os seguintes:

Roteiro PR-G97 “Río Gobia en Abegondo”
Roteiro PR-G17 “Arredor de Cambre”.
Roteiro PR-G87 “Costa Norte de Oleiros”.
Roteiro PR-G96 “Costa Doce de Sada”

Tamén están practicamente rematados, atopándose nas últimas fases de acondicionamento e posta en marcha os seguintes roteiros:

Roteiro “Os Barreiros – Sisalde en Arteixo”
Roteiro “Mandeo – Pedrido en Bergondo”.
Roteiro “Costa da Égoa en Carral”
Roteiro “Enlace Muíños Rego das Xesteiras – Xalo en Culleredo”.

Dende o GAL considérase un dos piares da estratexia turística a unión entre todos estes roteiros municipais, que dea lugar á posibilidade de realizar un Gran Roteiro que se poida realizar en varias etapas e que una a práctica totalidade da comarca, creando unha especie de “anel verde”.

Estes enlaces, son os que se pretenden realizar dende Terra das Mariñas, uns formarán parte das rutas xa postas en marcha, e outros constituirán outras rutas que teñan identidade propia, de xeito que poidan realizarse como rutas independentes, coa súa propia homologación ou ben realizarse como etapas doutros.

Dada a complexidade de infraestructuras e da situación urbanística na comarca, haberá casos en que non se poderá realizar a posta en marcha dun roteiro de sendeirismo como tal, senón que as actuacións irán encamiñadas á sinalizar os puntos de enlace por medio de paseos fluviais, paseos marítimos, estradas menores ou camiños por onde continuar dun roteiro a outro.

Así hoxe día 18 de outubro de 2007, o Presidente do G.A.L. “Terra das Mariñas” D. Juan José Rocha Carro, asinou coa empresa adxudicataria GIMENA INGENIERIA, S.L. un contrato para levar a cabo o primeiro dos enlaces previstos denominado “ACONDICIONAMENTO, SINALIZACIÓN E HOMOLOGACIÓN DO ROTEIRO MARIÑAN: PASEO FLUVIAL DE BAIUCA (ARTEIXO) - MONTE XALO (CULLEREDO) – IGREXA DE PALEO (CARRAL) E COLOCACIÓN DE PUNTOS DE INFORMACIÓN EN DETERMINADOS NÚCLEOS DE POBOACIÓN DE TERRA DAS MARIÑAS” .

Este enlace do Paseo Fluvial de Baiuca (Arteixo) co Roteiro Mariñán da “Costa da Egoa” (Carral), e que ten a maioría do seu percorrido polo Concello de Culleredo pretende a recuperación, sinalización e conservación de varios tramos de camiños veciñais e municipais, co fin de adecuar o seu uso como roteiro de sendeirismo.

No hay comentarios: