16 oct 2007

O G.A.L. TERRA DAS MARIÑAS PRESENTOU A DIAGNOSE PARA O SECTOR PRODUTOR DE PLANTA ORNAMENTAL NO TERRITORIO DE TERRA DAS MARIÑAS


O G.A.L. Terra das Mariñas presentou onte (27/09/2007), na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, o documento de diagnose para "O sector produtor de planta ornamental no territorio de Terra das Mariñas".


Neste acto estiveron presentes Abel López Soto, alcalde de Sada, Olga María García Agra, delegada provincial da Consellería do Medio Rural e Juan J. Rocha Carro, presidente do G.A.L. Terra das Mariñas, ademáis dos representantes dos viveiros da comarca e áreas limítrofes.


Con este estudio, iniciativa do G.A.L. Terra das Mariñas, dentro do Programa PRODER II, preténdense acadar os seguintes obxectivos:

1.- Coñecer a problemática actual do sector na comarca, así como as ameazas futuras.
2.- Presentar propostas realistas para potenciar o sector.
3.- Potenciar a innovación neste sector, no territorio, para que sexa capaz de xenerar emprego.

Segundo as palabras de Abel López Soto, alcalde de Sada, "o fomento deste sector pode supoñer un motor económico, de crecemento e de creación de emprego para estes municipios da comarca, os cales presentan unhas características climatolóxicas idóneas para esta actividade".Pola súa banda, a delegada provincial de Medio Rural, Olga Mª García Agra, lembrou que o sector produtor de planta ornamental é un proxecto de futuro en Galicia, e que "dende a Consellería vai a recibir o apoio necesario para o seu desenvolvemento".O presidente de Terra das Mariñas, Juan J. Rocha Carro, fixo público o seu desexo de que tanto as administracións públicas, como os entes locais así como as empresas privadas colaboren con esta iniciativa, "de grande importancia para a comarca".


Este estudo que foi valorado moi positivamente polos viveiristas, supón o inicio de traballos en común entre os produtores de planta ornamental da comarca, para intentar mellorar a comercialización e desenvolver tecnoloxicamente as producións, que foron os principiais problemas que se debatiron na xornada.

No hay comentarios: